Escrito o 23 Outubro 2006 por cineuropa
Os organizadores de “Cineuropa” fixeron chegar aos medios o pasado venres unha nota de prensa avanzando os primeiros contidos do certame. Deixamos a continuación o texto íntegro, e en próximos posts iremos desvelando novos detalles. Destacamos, para empezar, a presenza de “The host” dentro da exquisita selección de cine Made in Asia que promete proporcionar grandes momentos este novembro:
Este ano serán proxectados máis de cen filmes dos cales cincuenta son estreas
Cineuropa consolídase como o festival de cine de referencia en Galicia na súa XX edición
O festival de cinema CINEUROPA, organizado pola Concellería de Cultura de Santiago de Compostela, chega no vindeiro novembro á súa XX edición coa máis ampla e variada programación da súa historia. Do 2 ao 30 de novembro Compostela será a capital do cine independente, social e de autor. A proxección de máis de cen filmes, entre eles medio cento de estreas, servirá para celebrar estes vinte anos de compromiso do departamento municipal co cine de calidade.
CINEUROPA logrou ao longo da súa traxectoria facer sen dúbida realidade a vocación de erixirse no maior dos festivais de cine celebrados en Galicia, obxectivo co que naceu no ano 1986. Hoxe é o máis lonxevo de todos cantos eventos culturais deste tipo teñen lugar no noso país, ademáis de destacar como o que cada ano consegue reunir un número maior de espectadores, moitos deles fieis seguidores do ciclo.
Nesta edición as proxeccións, ademais de no Teatro Principal, o Salón Teatro, a Sala Yago, e a Fundación Caixa Galicia, desenvolveranse na Aula de Cultura de Caixa Galicia e no Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC).
CINEUROPA acada ás dúas décadas de existencia e, para celebralo, son moitas as novidades das que os amantes do festival poderán disfrutar este ano. Novos premios e novas seccións. Ás xa tradicionais oficial, panorama internacional, documental e clásicos do cine, engádeselle este ano un apartado adicado ao cine musical recente. Por outra banda, reforzará a sección de cine asiático con títulos imprescindibles no actual panorama cinematográfico coma The Host, unha cinta coreana de terror que foi unha auténtica revolución de taquilla en Asia.
Entre as xoias cinematográficas que o espectador poderá ver este ano destacan Grbavica, gañadora do Oso de Oro en Berlín; El violín, premio ao mellor actor no festival de Cannes; Indigenes, premio á mellor interpretación en Cannes; Requiem, recoñecida como mellor película en Sitges, e El camino de San Diego, premio do Xurado en San Sebastián.
CINEUROPA proxectará tamén as últimas películas de directores de recoñecida traxectoria a nivel internacional coma Aki Kaurismaki, Sydney Pollack, Raúl Ruiz, Steven Soderbergh, Goran Paskaljevic ou Claude Chabrol. Na sección Cinefilias, de clásicos do cinema, exhibiranse filmes de Sam Peckinpah, Richard Fleischer e Godard, entre outros. E o traballo de Sydney Pollack ou de Werner Herzog poderáse ver no apartado de documentais.