Bahman Ghobadi e Stephen Warbeck, Premios Cineuropa 2006

Escrito o 27 Outubro 2006 by cineuropa

Bahman GhobadiSegundo anunciou onte o concelleiro de cultura de Santiago Néstor Rego, a edición número vinte de Cineuropa outorgará este ano non un premio, senón dous. Non é a primeira ocasión en que tal cousa acontece, pois xa no 2000 houbo gañador múltiple: José Luis Borau, Marisa Paredes e o produtor e distribuídor galego Emilio Baños. A lista de galardoados complétase cos nomes de Juan Echanove (2001), Federico Luppi (2002), Bigas Luna (2003), Manoel de Oliveira (2004) e Luís Tosar (2005), aos que engadimos agora os do compositor Stephen Warbeck e o director Bahman Ghobadi.

Stephen Warbeck é coñecido sobre todo por ser o oscarizado autor da banda sonora de Shakespeare in love, na que é até hoxe a súa única nominación aos premios hollywoodienses. Na súa filmografía sobresaen títulos célebres, como Billy Elliott ou Proof, e tamén outros bastante máis esquecíbeis como Cargo. Non é James Newton Howard, nin Elliot Goldentahl, nin Carter Burwell, nin Mychael Danna, nin Thomas Newman, e por suposto tampouco é Ennio Morricone ou John Williams, pero imaxino que quedaba máis a man que todos eles.

Bahman Ghobadi fíxose definitivamente coñecido cando levou a Cuncha de Ouro no Festival de Donostia 2004 coa película As tartarugas tamén voan, que volveu gañar este ano co seu novo traballo, Media lúa; antes de todo iso fora premiado nos festivais de Cannes e Gijón por O tempo dos cabalos borrachos. Vai camiño de convertirse nun director de auténtico prestixio; a min o seu paréceme un cine cargado de boas intencións pero raquítico, que vive decisivamente da mala conciencia que sentimos polo moito que facemos sufrir a tanta xente en todo o mundo, empezando polo pobo kurdo ao que el pertence. En calquera caso debo admitir que é unha elección razoábel que permitirá ao certame compostelán exhibir unha obra aínda moi pouco vista.

Martin Pawley

Escrito en Sen clasificar

Comentarios

  1. Miguel

    10.2727.2006 6:18 pm

    Bueno. Ghobadi non me gusta moito. Paréceme bastante artificioso e moi debedor do cinema de Hollywood, frente a outros directores de cinema iraní, como Jafar Panahi ou o mestre Kiarostami. Ghobadi está moi lonxe deles, pero bueno, como ten moita aceptación supoño que si pode ser un punto a favor do Cineuropa, que trae un autor bastante respectado en todo o mundo.

    Ao igual que Ghobadi, Warbeck non se pode relacionar moito co cinema independente que di promover Jose Luis Losa (aínda que logo so veñan filmes de alto standing autoral, e non verdadeiramente independentes), pero si que creo que é un bo compositor. Hainos mellores, por suposto, pero tampouco hai que quitarlle méritos a Warbeck…

    E aínda non hai programación… dende logo… a menos de unha semana… podes vir a Santiago de outra cidade e nin enterarte de que dentro de 6 días comeza un festival de cinema que proxecta máis de 100 filmes… ¿coñecen fora de Santiago o Cineuropa? Eu ata que cheguei a estudiar non sabía nada…

  2. Martin Pawley

    10.2828.2006 12:22 pm

    Por Cineuropa pasarán só as dúas longametraxes premiadas en Donostia, “As tartarugas tamén voan” e a máis recente “Media lúa”. O director está estes días en São Paulo, na 30 Mostra de Cinema daquela cidade.

Deixa unha resposta

*
To prove you're a person (not a spam script), type the security word shown in the picture.
Anti-Spam Image