Cineuropa proxectará a Espiga de Ouro do Festival de Valladolid
O filme Optimistas, de Goran Paskaljevic, é o gañador da Espiga de Ouro na edición 51 da Seminci. O director xa venceu no 1995 con A outra América, o derradeiro traballo cinematográfico da actriz galega María Casares. Lazar Ristovski, actor principal de Optimistas, recibiu o premio á mellor interpretación masculina.
O Premio Pilar Miró foi para a película arxentina Ciudad en celo, de Hernán Gaffet, incluída na programación de Cineuropa igual que outra das fitas galardoadas, Días de gloria, de Rachid Bouchareb, xa recoñecida no Festival de Cannes e que aquí acadou o Premio do Público.
En Santiago poderemos ver tamén o filme de clausura, Once in a lifetime: the extraordinary story of the New York Cosmos, de Paul Crowder e John Dower, un documental sobre a ascensión e caída do mítico equipo de fútbol de estrelas que acaba sendo, disque, un repaso apaixonante á época do Studio 54 e os asasinatos en serie daquel “Fillo de Sam” que recreara tan ben Spike Lee. A morte dos 70, en suma.
Miguel
10.2828.2006 2:33 pm
De novo gracias pola información. Deberían contratarte para dirixir a panda de lacazáns que dirixe a web de Compostela Cultura… Ten boa pinta o último Paskaljevic. Eu so vin O polvorin e deixoume a medias… pero esta ten boa pinta…
Ciudad en celo… xa non me fio das comedias arxentinas… sintoo…
Soñarei un pouco e pensarei (desexarei) que o último Lisandro Alonso apareza na programación de Cineuropa…
Martin Pawley
10.2828.2006 4:17 pm
Apichatpong Weerasethakul, Tsai Ming-Liang, Pedro Costa, Lisandro Alonso… Paréceme, Miguel, que vostede e máis eu temos soños moi semellantes.
De Paskaljevic eu recomendaríalle “A outra América” e “Soño dunha noite de inverno”. Nin cambiarán a súa vida nin teñen nada que ver coa nómina de autores citada no parágrafo anterior, pero tampouco fan dano.
Polo que teño entendido, “Ciudad en celo” non é moita cousa, pero si paga a pena a nova de Daniel Burman, “Derecho de familia”, ignorada polo xurado da Seminci e que tamén se verá en Santiago.
Martin Pawley
10.2828.2006 4:37 pm
Volvendo ao xa dito en días pasados, Cineuropa polo de agora funciona como unha mostra que recolle filmes que contan con distribución en España, e que temos oportunidade de ver ás veces varios meses antes de que se estreen comercialmente. Hai grandes limitacións; as “majors” non acostuman a ceder nada, así que aínda que tiveran títulos apetecíbeis non se verían en Cineuropa, e outras distribuidoras tampouco se caracterizan pola súa xenerosidade (e non vexo razón algunha para “ratear” copias, cando saben perfectamente que Cineuropa non lles vai quitar público e que na maior parte dos casos esas películas non van chegar ás salas galegas, e moito menos en V.O.). En calquera caso, un Lisandro Alonso ou un Pedro Costa quedan moi lonxe das posibilidades.
Creo que o punto de inflexión verdadeiro será o ano que vén. Nesta edición Cineuropa xa contou cunha axuda da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual de 75000 euros, non moi elevada que digamos, pero si maior que a recibida polo Festival de Ourense, o cal é un indicio de que o festival “de referencia” no sucesivo será a mostra compostelá. As axudas, convocadas por vez primeira, resolvéronse relativamente tarde, e na práctica iso impediu garndes modificacións na estrutura de Cineuropa. A partir do 2007 imaxino que haberá máis cambios; non desde logo “radicais”, pero si será posíbel -e así haberá que esixilo, desde a nosa corrección cinéfila- argallar ciclos máis traballados, contando coa colaboración doutras entidades e filmotecas, e non tirando basicamente do catálogo das distribuidoras.
Un Festival con ciclos, retrospectivas, etc, aínda feito con modestia, esixe dúas cousas que até agora eran sempre limitadas: cartos e tempo. Tamén unha certa “profesionalización”, digamos, sen depender da boa vontade e ánimo dun grupo reducido de persoas. Para elixir ben as películas hai que ver moito cine, hai que viaxar a moitos festivais, etc, e iso supón un sobreesforzo humano e económico. Eu penso que é útil e conveniente, pero se hai algún director xeral lendo isto que asuma con claridade que un festival que pareza máis ou menos de verdade con menos de medio millón de euros non se fai.
Martin Pawley
10.2828.2006 5:08 pm
Por certo, “Tropical malady” de Apichatpong Weerasethakul si ten distribución en España: Sagrera TV, así que esa en principio si era facilmente programábel. A seguinte, vista en Venecia, xa sería moito soñar.
Miguel
10.2828.2006 8:23 pm
Non dubide que tanto Tropical Malady como a excelente Three Times, de Hou Hsiao Hsien estarán na selección final, en canto a que ambas xa se estrearon comercialmente, pero non chegaron a Galicia. De Venecia xa poderían vir Natureza Morta (que está confirmada a edición en DVD para España), Non quero durmir so e Síndromes do século. Din que Tsai e máis Apichatpong variaron moito o seu estilo para estes últimos filmes. Pero claro, é soñar que aparezan o final. Como sempre teremos que esperar a que editen un DVD na China ou nos EEUU para poder velas vía eMule.
De todas formas, non lle boto ascos a ver de novo Tropical Malady nin Three Times, nesta ocasión en pantalla grande. Será cousa de como ande de bonos, pero como teño pensado ver uns 60 filmes desta vez… malo será… Dende logo que cae antes outro visionado de Three Times que arriscarme a outra de Pablo Sorín.
Gustaríame tamén que puxeran A lenda do tempo de Lacuesta e Aguaviva. Creo que non sería moi difícil traelas e son dous filmes con grande aceptación crítica. E aínda que non me guste moito, si me interesaría o Dies d’Agost de Marc Recha…
E tamén será gracioso a ver que sae de o potenciado ciclo de cinema oriental. Supoño que virán os dous Johnnie To que foron a Sitges. Election 2 é prodixiosa, o que fai que teña máis ganas de ver Exiled.
Martin Pawley
10.2929.2006 2:24 pm
A de Isaki Lacuesta sería unha excelente elección, desde logo (e ademais el é un tipo “majete”, así que tamén sería magnífico que o trouxeran). Eu disfrutei de “Dies d’Agost” en Donostia; é Marc Recha, con todos os seus vicios e virtudes, e desta vez cun certo aroma lisandroalonsiano nalgunha fase do filme (el asegura que non viu ningunha peli do arxentino até este verán, en Locarno). A min gustaríame moito que puxeran “Honor de cavalleria” de Albert Serra, producida/distribuida por Notro, que leva tamén varias das pelis xa anunciadas, empezando por “The host”.
Miguel
10.2929.2006 2:46 pm
Eu vin o outro día Honor de cavallería cortesía de Letras de Cine. É un gran filme, aínda que quizáis nótaselle moito o toque Lisandro, ou máis ben Apichatpong, se ben sabe usar de forma abraiante o mito do Quixote, sen ningún complexo hacia a magna obra de Cervantes.
Supoño que a traerán. De non facelo sería algo un dato moi negativo por parte dos programadores de Cineuropa.
De todas formas, haina no Videoclube Europa en Aluguer. E como última opción podo facer trapicheo, que teño unha copia.
Obradoiro
10.2929.2006 4:18 pm
Grazas Miguel polo ultimo apunte. Tiven ganas de vela cando saiu ó cine, pero claro, aqui non a vimos, e case se me olvidara xa.
Pasareime polo Europa se non se proxecta finalmente, logo esta semana, aproveitando o 2×1 e que é a derradeira antes de Cineuropa…
Martin Pawley
10.2929.2006 7:08 pm
E ademais, Albert Serra é todo un personaxe… En poucas palabras, “Honor de cavalleria” é o mellor filme español do ano ( o cal tampouco é moito ser, todo hai que dicilo).
Miguel
10.3131.2006 2:04 pm
Xa hai programa… Entrades en www.compostelacultura.org. Dádelle a Axenda, logo a ver so cinema e despois poñedes novembro.
Veñen so as duas primeiras semanas. Deben estar actualizando… De momento a única que vexo interesante é Edmond de Stuart Gordon, aínda que teño que mirar máis a fondo.
Tamén poñen A batalla de Arxel, homenaxe a Pontecorvo… A ver se poñen homenaxe tamén a Danielle Hulliet… era boa…