O ilusionista

Novembro 9th, 2006

O ilusionista

O ilusionista é un conto europeo dos da vella escola, dos dos Irmáns Grimm ou Andersen. Un amor imposíbel, un malo sen sentimentos, maxia e ilusións. Neil Burguer asina unha obra de aprobado en tódo-los campos no seu primeiro filme de ficción.

Edward Norton é Eisenheim o ilusionista, un mago das ilusións que na Austria de principios do século XX impresiona á xente de Viena co seu espectáculo e cuia historia e trucos están rodeados de lendas e supersticións.

Paul Giamatti é o inspector de policía Uhl, que intentará descubri-los trucos e ilusións de Eisenheim para así complacer ó cruel e déspota Príncipe Leopoldo (Rufus Sewell) que ambiciona facerse sexa como sexa co trono do seu pai, para así impor as súas ideas ilustradas á súa maneira.

A última personaxe deste conto é a futura princesa a Condesa Sophie von Teschen ( Jessica Biel) e antigo amor de mocidade de Eisenheim.

Peter Burger válese de continuos flashbacks e elipses para ir fiando a historia e ir poñendo a tódo-los personaxes en contacto, sen que se faga nin pesado nin lioso. Un guión ben estructurado, dous actores de luxo como son Edward Norton e Paul Giamatti e outro dous que non desmerecen como son Jessica Biel e Rufus Sewell axudan a facer que o filme estea libre de tódo-los excesos que outras veces temos visto cando se intenta contar un conto con tintes de realidade.

O resultado final é un filme sinxelo e engaiolante a partes iguais, sen máis pretensións que as de contar un conto cheo de ilusións e amor verdadeiro.

A pregunta última: por que está este filme en Cineuropa? Bueno, supoño que será unha produción independente ou algo así.

Ifrit


4 Responses to “O ilusionista”

  1. CINEMA FRIKI » The Illusionist on Novembro 9, 2006 6:25 p.m.

    […] O ilusionista

  2. Miguel on Novembro 10, 2006 8:52 p.m.

    Hai que deixarse de hipocresías, Cineuropa, por moito que diga Losa, é un certame comercial. O que chegan son filmes comerciais. De autor sí, pero comerciais. Losa, non veñas con Kaurismaki, Von Trier e Ken Loach a facer cinema de resistencia. Para iso, terías que traer Juventude em marcha, Natureza morta, Non quero dormir so ou Sindromes da centuria. ¿Qué é imposible? Magoa. Xa sei que son películas que custan cartos e esforzo. Pero entón non hai que mentir ao espectador. Hai que dicirlle as cousas claras: CINEUROPA é comercial. E non ten porqué ser intrínsecamente malo. Hai filmes comerciais de moitísima calidade. Kaurismaki é un director fundamental, tamén Eastwood, Cronenberg, De Palma ou, se me apurades, Aristaráin e Almodóvar. E todos eles son bastante comerciais.

    A sinceridade ante todo, por favor.

  3. Martin Pawley on Novembro 12, 2006 2:17 p.m.

    O problema en xeral non é de cartos nin de esforzo, Miguel: a realidade é que hoxe por hoxe é imposíbel que un certame como Cineuropa poida traer filmes como os que vostede cita antes de que pasen por outros festivais de máis prestixio que son o seu “sitio natural”, digamos; outra cousa diferente é que nun futuro Cineuropa se consolide e poida facerlle competencia a Xixón ou Las Palmas e traer esa clase de películas antes que aqueles, pero polo de agora esa posibilidade semella moi lonxana. Xixón e Las Palmas son “festivais de verdade”, e polo de agora Cineuropa é unha boa mostra, mesmo magnífica se consideramos os medios humanos e materiais de que dispón, e que coida ao público que xa ten, un público que intúo non vai ser precisamente maioritario nas proxeccións de “Tropical malady”… En calquera caso, darlles algo de estopa sempre é útil, porque como cinéfilos temos o dereito a esixir sempre máis.

  4. Miguel on Novembro 12, 2006 2:49 p.m.

    Se eu estou contentísimo con Cineuropa. Gusto moito de que traian todos estes filmes, bos ou malos. O que me molesta é que me traten de parvo e me digan que aquí están as vangardas do cinema actual. Porque iso é unha mentira. Que digan a verdade e que acepten o que é Cineuropa.

    O problema é que coa retórica que usan están a formar unha sensación falsa en moitos espectadores que ao mellor non están ao tanto dos filmes que fan cambiar ao cinema ano a ano. Hai que deixarse de tonterías. Nin quen Loach nin outros amigos de Losa son cineastas de vangarda. Non quere dicir que sexan malos (que tamén xDD), pero facendo esta publicidade estamos desvirtuando a súa obra e mailo estatus do cinema actual

Os comentarios están pechados.