Bono Cineuropa

Escrito o 14 Novembro 2007 por cineuropa

Xa teño o bono e xa elexín as miñas dez películas deste ano, e a verdade é que foi máis sinxelo do que parecía.

Cocalero
O documental que segue a vida de Evo Morales, o indio aimará que saiu dos Andes vestido cuns vaqueiros e unhas zapatillas para converterse no primeiro presidente indíxena de Bolivia, un dos paises máis pobres de Sudamérica.

Goodbye, America
O actor Al Lewis, máis coñecido por ser o avó dos Monster mais tamén activista político de esquerdas, relata a súa vida, que tamén é a vida dunha parte dos EUA.

Fados
Carlos Saura presenta un novo filme documental cun xénero musical como protagonista. Conta coa participación de Mariza, Camané, Chico Buarque, Caetano Veloso e moitos outros artista lusos.

Death of a president
Falso documental no que se xoga ca idea dun asasinato do presidente dos EUA, George W. Bush.

Amazing Journey. The Story of The Who
A historia dos The Who abrange máis de 40 anos. Unha viaxe po-los ritmos que marcaron varias xeracións.

The U.S. VS. John Lennon
De como un músico popular convertiuse nun lider de masa, axitador social e ameaza para o sistema e de como foi perseguido po-lo FBI.

Llach: La revolta permanent
Un dos poucos cantautores que non leva guitarra (leva un piano) canta a rabia dun pobo despois dunha matanza, era o 3 de marzo de 1976 en Gasteiz sendo ministro Manuel Fraga. O saldo, cinco mortos e centos de feridos.

In the Valley of Elah
Tommy Lee Jones, Charlize Theron, Susan Sarandon… Dirixe Paul Haggis. Un drama bélico para reflexionar sobre a vida dos soldados en Iraq.

Talk to me
Don Cheadle interpreta a Petey Greene, unha icona da radio dos 60 na cidade de Washington en plena época de soul e debate racial.

I’m a cyborg, but that’s ok
Park Chan-wook segue impactándonos e desta volta ca historia dunha rapaza que cre ser un ciborg e no psiquíatrico namora dun rapaz que sempre anda con máscaras. Romanticismo e acción nun ambiente colorista. Mellor Guión no Festival de Sitges ‘07

Páreceme a min ou quedoume un pouco músico-político de máis? As outras opcións eran dramas, dramas e máis dramas.

Escrito en Sen clasificar | Comentarios: 1 comentario

Comeza Cineuropa 2007

Escrito o 5 Novembro 2007 por cineuropa

Recollemos a luba, erguemos a cabeza ante o irregular resultado deste bló o ano pasado e metémonos de cheo nunha nova edición de Cineuropa.

Este ano temos premiados por partida triple (Vicente Aranda, José Luís Guerín e Jane Birkin) e no vixésimo aniversario máis películas que nunca, para que ninguén diga que non hai nada que lle guste.

O festival xa comeza hoxe martes e pouco tempo temos para estudar o programa. Eu nun vistazo rápido quedo co ciclo Mundo Asia con filmes como Election 2 de Jonnhie To, I’m a cyborg, but that’s ok de Park Chan-wook (Mellor Guión en Sitges 2007), o Ciclo Fantastic Compostela onde poderemos ver The Fall (Mellor Película en Sitges 2007), Diary of the Dead de George A. Romero e 1408 (con Samuel L. Jackson e John Cusack) e o maratón final adicado ó Bizarro abrindo con The Deliverance de John Boorman.

Xa digo que non me deu moito tempo de estudar o programa e que nos próximos días faremos unha análise máis polo miudo.

Se alguén quere participar no bló escribindo algunha entrada, dandos a súa opinión do festival, dos filmes ou de calquera outra cousa, que mande un correo a cinema_friki@yahoo.es e se anda por Santiago xa tomamos unhas cañas e falamos.

A disfrutar do cinema!!

Escrito en Sen clasificar | Comentarios: 6 comentarios

Cineuropa, segunda semana

Escrito o 10 Novembro 2006 por cineuropa

O que non vos podedes perder esta semana:

Venres 10 de novembro

Beyond the sea: Somos fans confesos de Kevin Spacey pero coido que moito menos de Bobby Darin, si, ese que casou con Sandra Dee. Biopics e máis biopics. (I)

The white diamond: o documental de Herzog inmediatamente anterior a “Grizzly Man”, outra demostración de xenialidade e xuventude por parte do sexaxenario cineasta. (MP)

Sábado 11 de novembro

Infernal Affairs I e II, se inda seguides querendo ver filmes no CGAC aquí tedes do melloriño en cinema de policías dos últimos anos. A primeira é da que fixo un recente remake Martin Scorsese (The Departed) (I e MP)

Domingo 12 de novembro

Tempos de amor, xuventude e liberdade: o último traballo polo de agora do director Hou Hsiao-Hsien. Absolutamente imprescindíbel. (MP)

Luns 13 de novembro

Workingman’s death: documental de Michael Glawoger sobre as difíciles condicións de traballo de distintos grupos de persoas. Cinematograficamente brillante, humanamente necesario. (MP)

Martes 14 de novembro

Simpathy for Mrs. Vengeance, se inda non a viches no teu proveedor p2p no podes perder esta filme que fecha a triloxía sobre a vinganza do impresionante realizador surcoreano Park Chan-wook. (I e MP)

Mércores 15 de novembro

Rampo negro, e máis terror oriental, desta volta cheo de misterio da man do pai da novela policíaca xaponesa, Rampo Edogawa. (I)

Lights in the dusk: a nova película de Aki Kaurismaki. O raro sería que non fose boa. (MP)

Xoves 16 de novembro

The Flaming Lips: Fearless Freaks, cita ineludíbel para os amantes da boa música, o rock indie e os grandes espectáculos. (I)

L’enfer: Danis Tanovic (o de En terra de ninguén) leva ao cine un guión do defunto Krzysztof Kieslowski. Os títulos de crédito son extraordinarios; o resto non tanto, pero déixase ver con agrado e aínda por riba a protagonista é a sublime Emmanuelle Béart. (MP)

 

Escrito en Sen clasificar | Comentarios: 8 comentarios

O ilusionista

Escrito o 9 Novembro 2006 por cineuropa

O ilusionista

O ilusionista é un conto europeo dos da vella escola, dos dos Irmáns Grimm ou Andersen. Un amor imposíbel, un malo sen sentimentos, maxia e ilusións. Neil Burguer asina unha obra de aprobado en tódo-los campos no seu primeiro filme de ficción.

Edward Norton é Eisenheim o ilusionista, un mago das ilusións que na Austria de principios do século XX impresiona á xente de Viena co seu espectáculo e cuia historia e trucos están rodeados de lendas e supersticións.

Paul Giamatti é o inspector de policía Uhl, que intentará descubri-los trucos e ilusións de Eisenheim para así complacer ó cruel e déspota Príncipe Leopoldo (Rufus Sewell) que ambiciona facerse sexa como sexa co trono do seu pai, para así impor as súas ideas ilustradas á súa maneira.

A última personaxe deste conto é a futura princesa a Condesa Sophie von Teschen ( Jessica Biel) e antigo amor de mocidade de Eisenheim.

Peter Burger válese de continuos flashbacks e elipses para ir fiando a historia e ir poñendo a tódo-los personaxes en contacto, sen que se faga nin pesado nin lioso. Un guión ben estructurado, dous actores de luxo como son Edward Norton e Paul Giamatti e outro dous que non desmerecen como son Jessica Biel e Rufus Sewell axudan a facer que o filme estea libre de tódo-los excesos que outras veces temos visto cando se intenta contar un conto con tintes de realidade.

O resultado final é un filme sinxelo e engaiolante a partes iguais, sen máis pretensións que as de contar un conto cheo de ilusións e amor verdadeiro.

A pregunta última: por que está este filme en Cineuropa? Bueno, supoño que será unha produción independente ou algo así.

Ifrit

Escrito en Sen clasificar | Comentarios: 4 comentarios

Estreiteces en Cineuropa

Escrito o 7 Novembro 2006 por cineuropa

O maior festival de cinema de Galicia non deixa de ser un cineclube un pouco máis grande do normal. Empezando porque a programación non se sabe ata a semana mesma de comezo e continuando po-la proxeccón de filmes en DVD.

As primeiras críticas foron para a programación que mistura filmes agardadísimos con outros que inda ninguén sabe que fan aí (as distribuidoras algo terá que decir) e inda por riba nada era fixo ata a penas dous días antes do comezo do festival no que apareceu o programa en formato pdf e pouco despois na páxina web (non foi ata o martes 7 que a xente se puido facer cun programa en papel, inda que fora dunha maneira pouco decente)

As seguintes críticas foron (e seguen sendo) para os novos recintos de proxección. Este ano ademáis dos xa habituais Teatro Principal, Salón-Teatro e Cine Yago engadíronse dúas localizacións máis: o CGAC e a Fundación Caixa Galicia. Onde está o pero? Pois que nestas dúas novas localizacións os filmes vense nun televisor con DVD, sentados en cadeiras e conservando o mesmo prezo. O dito, un cineclube grande, pero non por iso mellor.

E non só nas salas máis pequenas os filmes son en DVD, senon tamén nas localizacións clásicas se exhiben neste formato en troques do que tería que ser, o formato cinematográfico reglamentario. Estreiteces, si.

Por outra banda Miguel deixa un comentario no anterior post dicindio que a partir de hoxe as películas do ciclo João Cesar Monteiro van sen subtítulos. Se tal cousa acontece finalmente, sería bo que nos explicasen as razóns, porque eu xuraría que isto é un festival de cine, non unhas prácticas de lingua para estudantes de filoloxía e unha axudiña á comprensión dos diálogos non viría nada mal. Branca de neve, iso si, debe ir sen eles: a ausencia de rótulos é nese caso imprescindíbel.

Ós novos problemas súmanse os que non se arranxaron doutros anos, e isto xa non é tanto problema da propia organización de Cineuropa como da Concellería de Cultura e similares. Coller unha butaca boa no Teatro Principal é unha loteria, pois gran parte delas están desfondadas e ir ver un filme ó Cine Yago é un acto de valentía; un ollo na pequena pantalla e outro no teito e nas paredes para ver que non che caian enriba.

Xa son 20 edicións as que se levan celebrado de Cineuropa, pero agás algunha agradábel sorpresa o demáis parece que deixa moito que desexar e que queda moito traballo por facer para que Cineuropa se convirta nun festival de referencia ou cuns mínimos de calidade.

Escrito en Sen clasificar | Comentarios: 15 comentarios

Cineuropa, primeira semana

Escrito o 3 Novembro 2006 por cineuropa

As nosas recomendacións para esta primeira semana:

Venres 3 de novembro

Forever: un documental apaixonante e cheo de vida malia xirar arredor dun cemiterio, o parisino de Père-Lachaise que acolle os restos dun feixe de ilustres defuntos. A mellor película vista a concurso no pasado Festival de Donostia, tanto que tivo a honra de non recibir ningún premio. Dirixe a peruano-holandesa Heddy Honigmann (MP)

Sábado, 4 de novembro

La battaglia di Algeri: a mellor maneira de homenaxear ao recentemente falecido Gillo Pontecorvo é revisar esta descarnada e contundente obra mestra a proba de estómagos (estupidamente) eurocéntricos. (MP)

Monday: yakuzas, violencia, acción, humor, unha historia que empeza po-lo final… Esperemos que sexa un bo comezo desta edición de Cineuropa. (I)

Domingo, 5 de novembro

Hana yori mo naho: un samurai que non quere selo é o personaxe principal creado por Hirokazu Koreeda para un filme imperfecto pero cheo de ideas suxestivas. A outra boa película do Festival de Donostia, honrada tamén pola súa ausencia do palmarés. (MP)

Luns, 6 de novembro

Leonard Cohen: I’m your man: nin idea que non a vin, pero é Leonard Cohen. (MP)

Time: Para os fans do director coreano Kim Ki-duk chega a súa última película na que volve despregar todo o seu dramatismo, sensualidade e carga psicolóxica. Unha moza fai unha operación de cara para muda-lo seu aspecto e a partir de ahí as reaccións sucédense sen parada. Para os despistados decir que non ten nada que ver con Cara a cara de John Woo. (I)

Martes, 7 de novembro

Sesión dobre Godard: La chinoise e Vivre sa vie. Sobran as explicacións. (MP)

O ilusionista: Neil Burger dirixe no seu segundo filme a Edward Norton e a Paul Giamatti con música de Philip Glass. Parece unha aposta segura (I)

Mércores, 8 de novembro

2 filhos de Francisco: esforzado biopic sobre os irmáns Zezé di Camargo e Luciano, branda dupla sertaneja tan esquecíbel coma o propio filme. Un exitazo no Brasil. Hai que vela para poder preguntarse logo que fai este bodrio dentro desta programación. (MP)

Nang Nak: Terror tailandés, haberá que botarlle un ollo, inda que xa ten os seus anos (é de 1999) (I)

Xoves, 9 de novembro

Derecho de familia: a nova de Daniel Burman, o autor de “El abrazo partido”. Vén con boas referencias do seu pase no Festival de Valladolid. (MP)

The Host: Cinema coreano de terror con monstro. O terror psicolóxico dá paso ós efectos especiais da man dos neo celandeses Weta Digital. Dende o Festival de Cannes, pasando po-lo de Sitges, chega a Cineuropa con tóda-las cartas para ser un éxito. (I)

Que non se diga que non hai onde elexir. Para tódo-los gustos.

Escrito en Sen clasificar | Comentarios: 13 comentarios

Habemus programa!

Escrito o 31 Outubro 2006 por cineuropa

Xa está colgado un PDF de dúas páxinas coa programación íntegra de Cineuropa, que inclúe unha interesantísima revisión da obra de João Cesar Monteiro. Leremos a axenda con atención e logo comentarémola; a miña impresión: si, pero…
Martin Pawley

Actualización:  xa está dispoñíbel na páxina oficial de Cineuropa 2006, inda que de momento é o único que actualizaron. (programa 2006)

Escrito en Sen clasificar | Comentarios: 5 comentarios

Cineuropa proxectará a Espiga de Ouro do Festival de Valladolid

Escrito o 28 Outubro 2006 por cineuropa

O filme Optimistas, de Goran Paskaljevic, é o gañador da Espiga de Ouro na edición 51 da Seminci. O director xa venceu no 1995 con A outra América, o derradeiro traballo cinematográfico da actriz galega María Casares. Lazar Ristovski, actor principal de Optimistas, recibiu o premio á mellor interpretación masculina.

O Premio Pilar Miró foi para a película arxentina Ciudad en celo, de Hernán Gaffet, incluída na programación de Cineuropa igual que outra das fitas galardoadas, Días de gloria, de Rachid Bouchareb, xa recoñecida no Festival de Cannes e que aquí acadou o Premio do Público.

En Santiago poderemos ver tamén o filme de clausura, Once in a lifetime: the extraordinary story of the New York Cosmos, de Paul Crowder e John Dower, un documental sobre a ascensión e caída do mítico equipo de fútbol de estrelas que acaba sendo, disque, un repaso apaixonante á época do Studio 54 e os asasinatos en serie daquel “Fillo de Sam” que recreara tan ben Spike Lee. A morte dos 70, en suma.

Escrito en Sen clasificar | Comentarios: 10 comentarios

Non todo van ser eloxios

Escrito o por cineuropa

A programación de Cineuropa é un luxo: a selección de películas é modélica -dadas as circunstancias- e ano tras ano vai sempre superándose en cantidade e calidade. Agradécese a oportunidade que nos dan de ver os últimos traballos de Chabrol e de Kaurismaki, de comprobar o ben que se levan Frank Gehry e Sidney Pollack ou de aplaudir a apaixonante lucidez dun renacido Werner Herzog. Queremos disfrutar do prometido lote de cine asiático, con The host, Takeshi Miike, Johnnie To e as sorpresas que aínda non foron reveladas. Agradecemos que o seu carácter de “mostra” nos permita botarlle un ollo a obras que aínda tendo distribución en España dificilmente chegarán a Galiza; títulos que se viron esta mesma semana en Valladolid e outros que pasarán a finais de novembro por Gijón, como Quinceañera ou Shortbus. Cineuropa merece todos os meus parabéns, sen dúbida, pero o que non é de recibo é que a só seis días do seu arranque aínda non coñezamos suficientemente os seus contidos.

Entendo perfectamente que haxa algún aspecto relevante por pechar, entendo que a programación de todo o mes poida non estar completamente lista, entendo que non haxa catálogo impreso a disposición da xente e que tampouco estean na rede os horarios detallados de todas as proxeccións. Entendo iso, pero tamén penso que esa faceta debe mellorar espectacularmente ao longo dos próximos anos, se como parece a intención é que Cineuropa sexa o gran festival de cine de Galiza, e non só unha mostra para uso e disfrute case secreto dos composteláns, que coñecen o que se presenta a forza de ler “El Correo Gallego”.

Non pido que estea todo atado e ben atado cun mes de antelación. A data de hoxe non me preocupa o que poñan o día 27 de novembro, nin sequera o 15, pero si me interesa moito, moitísimo, saber o que hai o próximo xoves 2, e o venres 3, e a fin de semana que lle segue. Non pido máis que iso: saber como comeza. E non me refiro ao concerto da Filharmonía nin ao premio ao señor Ghobadi, non; eu refírome ás películas, que é o que importa.

Martin Pawley

Escrito en Sen clasificar | Comentarios: 5 comentarios

Bahman Ghobadi e Stephen Warbeck, Premios Cineuropa 2006

Escrito o 27 Outubro 2006 por cineuropa

Bahman GhobadiSegundo anunciou onte o concelleiro de cultura de Santiago Néstor Rego, a edición número vinte de Cineuropa outorgará este ano non un premio, senón dous. Non é a primeira ocasión en que tal cousa acontece, pois xa no 2000 houbo gañador múltiple: José Luis Borau, Marisa Paredes e o produtor e distribuídor galego Emilio Baños. A lista de galardoados complétase cos nomes de Juan Echanove (2001), Federico Luppi (2002), Bigas Luna (2003), Manoel de Oliveira (2004) e Luís Tosar (2005), aos que engadimos agora os do compositor Stephen Warbeck e o director Bahman Ghobadi.

Stephen Warbeck é coñecido sobre todo por ser o oscarizado autor da banda sonora de Shakespeare in love, na que é até hoxe a súa única nominación aos premios hollywoodienses. Na súa filmografía sobresaen títulos célebres, como Billy Elliott ou Proof, e tamén outros bastante máis esquecíbeis como Cargo. Non é James Newton Howard, nin Elliot Goldentahl, nin Carter Burwell, nin Mychael Danna, nin Thomas Newman, e por suposto tampouco é Ennio Morricone ou John Williams, pero imaxino que quedaba máis a man que todos eles.

Bahman Ghobadi fíxose definitivamente coñecido cando levou a Cuncha de Ouro no Festival de Donostia 2004 coa película As tartarugas tamén voan, que volveu gañar este ano co seu novo traballo, Media lúa; antes de todo iso fora premiado nos festivais de Cannes e Gijón por O tempo dos cabalos borrachos. Vai camiño de convertirse nun director de auténtico prestixio; a min o seu paréceme un cine cargado de boas intencións pero raquítico, que vive decisivamente da mala conciencia que sentimos polo moito que facemos sufrir a tanta xente en todo o mundo, empezando polo pobo kurdo ao que el pertence. En calquera caso debo admitir que é unha elección razoábel que permitirá ao certame compostelán exhibir unha obra aínda moi pouco vista.

Martin Pawley

Escrito en Sen clasificar | Comentarios: 2 comentarios